The table 'tx_glstats_news_visited' is full
Hoxe, ás 20.00, tivo lugar no Auditorio de Galicia a primeira das xornadas do III Certame Galego de Bandas de Música. As formacións musicais que competiron no día de hoxe foron as pertencentes á sección terceira, aquelas que non superan os 45 músicos.
A banda gañadora foi Banda da Escola de Música de Candeán á que se lle entregou un premio en metálico de 1.500 €. En segundo e terceiro lugar quedaron a Banda de Música de Arca e Banda de Música de Chapela cuns premios de 1000€ e 500€ respectivamente. A Federación Galega de Bandas de Música Populares concedeu tamén un premio de 300€ á banda que acadou o 4º posto, ao Ateneo Musical de Bembrive. Ademais a Consellería de Cultura e Turismo estableceu un premio á mellor interpretación dunha obra de autoría ou temática galega que recaeu Banda Municipal de Música de Guitiriz. Nesta xornada tamén se puido gozar dunha das obras finalistas do I Concurso de Composición, Terra de Oestrimnios, do compositor Andrés Álvarez Hernández.
Nesta primeira xornada a acollida do público foi moi boa e foron moitos tamén os que se achegaron ó Auditorio de Galicia para apoiar ás bandas das súas vilas. Dende que no 2007 o Certame Galego de Bandas vía a luz, pouco a pouco foise convertendo no escaparate perfecto para dar a coñecer o talento que se agocha detrás das decenas de bandas que hai espalladas por toda a xeografía galega.
Mañá sábado, terá lugar ás 18:00 e tamén no Auditorio de Galicia, a segunda das xornadas do III Certame Galego de Bandas. Nela participarán ás formacións musicais pertencentes á sección segunda, que teñen entre 45 e 60 músicos. A Banda da Agrupación Músico Cultural de Ribadumia, a Banda de Música de Vilagarcía de Arousa, a Banda de Música Sementeira de Cambre, a Banda da Escola de Música de Oleiros, a Banda da Escola de Música de Rianxo e a Banda de Música Xuvenil de Xinzo competirán mañá para acadar o primeiro premio desta categoría.